1/9/17

Recomendacións en Radioleiros: 1 setembro 2017

http://www.oleiros.org/web/concello-oleiros/comunicacion/radio/podcast/todo-esta-nos-libros
https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=1039213- Infantil (nenas-os de 7 anos en adiante):
"O homiño vestido de gris e outros contos" de Fernando Alonso. Ilustracións de Ulises Wensell. En Kalandraka.
Reedición desta obra clásica da literatura infantil. Editada por primeira vez no ano 1978, pero que conserva todo o seu encanto e vixencia.
Son oito relatos  nos que os personaxes nos comunican as súas inquietudes e anhelos, que reflexionan sobre a utilidade e a beleza oculta de determinados obxectos, sobre a busca da felicidade e a súa conquista grazas ao esforzo colectivo e que desexan cambiar a realidade que os rodea para facer un mundo mellor.
Estes fermosos textos xunto coas sinxelas pero, ao mesmo tempo, excelentes ilustracións fan deste libro unha obra de gran calidade.

 
- Mozas-os e adultas-os:
"El informe de Brodeck" de Philippe Claudel. Editado por Salamandra.
https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/cgi-bin/koha/opac-detail.pl?biblionumber=807978Hai un ano que acabou a guerra cando un asasinato rompe a tranquilidade dunha pequena localidade illada nas montañas. O único estranxeiro que vivía na zona ao que chamaban “De Anderer” (que significa o outro en alemán) desapareceu e todos os homes da localidade confésanse autores desa desaparición. Os veciños encárganlle a Brodeck (un supervivente dos campos de concentración e ademais non é un deles xa que veu doutra localidade) que faga o informe do que aconteceu. El xa nos di na primeira páxina que non tivo nada que ver, pero como non quería acabar como o outro non se atreveu a negarse. Eles están convencidos de que non actuaron mal e queren un informe que busque a comprensión e o perdón. As testemuñas reconstrúen a vida do outro pero tamén removen o pasado. Brodeck vai redactando o informe e ao mesmo tempo unha crónica persoal (a súa chegada, a súa vida alí, a deportación, o campo de concentración...), pero comeza a ter medo debido a que descobre algo que non só afecta ao outro, senón tamén a el e a súa familia. Pensaba que o sabía todo mais non era así, os seus dous anos no campo de concentración impedíronlle coñecelo...
Neste lugar cerrado entre montañas temos dous personaxes de fóra: un que é submiso e intenta adaptarse para non molestar e o outro que mostra a súa diferencia e a súa independencia e ao mesmo tempo (cos seus debuxos) como son os habitantes do pobo polo que acaban odiándoo.
Estamos ante unha novela inquietante,  na que domina a imprecisión, que nos fala da desconfianza cara o diferente ou o que ven de fóra, tamén de vinganza e de silencios e ao mesmo tempo de perdón.

 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario