10/12/15

Xosé Neira Vilas: exposicións da súa obra en Bibloleiros

  http://bmpg.rbgalicia.org/cgi-bin/koha/opac-search.pl?q=neira+vilas%2C+xos%C3%A9&sort_by=relevance&addto=
A Biblioteca Central Rialeda e a Biblioteca Xograr Mendiño (Lorbé) adican senllas exposicións bibliográficas ao escritor galego Xosé Neira Vilas,  falecido na súa casa de Gres (Vila de Cruces, Pontevedra) aos 87 anos en plena actividade literaria e a piques de estrear a adaptación teatral da súa obra Querido Tomás, prevista para o próximo 8 de xaneiro en Santiago.
 
A súa morte pon fin á prolífica carreira literaria dunha das principais figuras das letras galegas, cuxa obra quedou eclipsada polo boom de vendas de Memorias dun neno labrego, unha novela social, de denuncia do caciquismo da época, editada en Arxentina en 1961, que se converteu no libro máis lido da literatura galega e que foi traducida a numerosos idiomas (español, portugués, inglés, francés, italiano, alemán, chinés, ruso e checo, entre outras) ademáis do esperanto e braille. O bestseller acadou o pasado mes de xullo a edición número 35, con 600.000 exemplares vendidos, coincidindo coa entrega da Medalla de Ouro de Galicia ao seu autor.

A actividade literaria de Neira Vilas foi parella ao seu activismo social. Fundador das Mocedades Galeguistas, emigrou en 1949 a Arxentina, onde se relacionou con ilustres galeguistas do momento como Dieste ou Seoane e casou coa tamén escritora Anisia Miranda, falecida en 2009.
Antes de trasladarse a Cuba, en 1961, fundou a editoral Follas Novas. O matrimonio regresou a Galicia en 1992 para gozar da xubilación na súa vila natal. Alí puxeron en marcha a Fundación Xosé Neira Vilas que se converteu en principal dinamizadora da comarca.

Foi membro numerario da Real Academia Galega (RAG), Doutor Honoris Causa polas universidades de A Coruña e de La Habana, Premio da Crítica Española (novela en galego) e da Crítica Galega (ensaio). Tamén obtivo a Medalla Castelao e foi nomeado Fillo Predilecto do Concello de Viladecruces, entre outros recoñecementos.
A diáspora e a infancia no rural galego marcaron a súa obra. Neira Vilas deixa ao neno de aldea que non comprende o mundo dos adultos na memoria de numerosas xeracións de galegos. Atrapounos coa lectura da primeira liña de Memorias dun neno labrego:
 
“Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre”.

O Concello de Oleiros sempre lembrará as vivencias que desde o ano 1989 tivo ocasión de compartir e gozar con el e a súa compañeira, Anisia. O IESP situado en Perillo, leva o seu nome.

Fontes: texto, Cristina Huete (elpais.com); foto: Óscar Vázquez (www.lavozdegalicia.es)
DESTA TERRA
Auga, pedra, sol e vento,
aquí a ledicia é tanta
que todo rebule e canta
e o Ulla vaise contento.
Teño nesta terra asento
e un sentimento profundo,
un amor vivo e rotundo
polo val onde nacín,
levo a Gres dentro de min,
son deste anaco do mundo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario