30/5/14

Anxos Sumai nos Encontros con autoras na Biblioteca de Santa Cruz: luns 2 de xuño

http://www.oleiros.org/c/document_library/get_file?p_l_id=14092&folderId=122717&name=DLFE-18579.pdf
O luns, 2 de xuño, ás 18:30 horas, na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro sita nas Torres de Santa Cruz terá lugar o encontro literario coa autora Anxos Sumai  para falar do seu libro “Así nacen as baleas” que se leu nas Tertulias literarias desta biblioteca e presentar a súa última obra “A lúa da colleita”, publicado pola editorial Galaxia. Premio da Crítica na modalidade de narrativa galega 2014, XXV Premio García Barros de novela 2013, Premio da Narrativa AELG 2014, Premio Fervenzas Literarias Mellor Portada Adultos 2013.
 
http://www.culturagalega.org/docs/anxosedianos.pdf"A lúa da colleita" é unha obra que trata sobre a identidade e a maneira de percibir a realidade de cada persoa. Estamos en agosto de 1992, a historia transcorre nun apartamento dunha praia da Ría de Arousa, no que a protagonista, Nuria, unha muller duns 30 anos, decidiu (dunha maneira precipitada) pasar as vacacións para lembrar os anos da súa primeira mocidade. Chega sen equipaxe, o que precise irao mercando. Necesitaba descansar, parar e pensar,  pero vaise atopar con revelacións que a farán sufrir,  con feitos que non lembra e con persoas que a recoñecen, dubidará de si mesma e reencontrarase co seu pasado.  É unha novela que ten ao lector en tensión, que causa desasosego de se o que está a acontecer é real ou non. A protagonista regresa a un lugar no que aconteceu algo, pero que ela non lembra e precisa saber se é verdade ou non.

O outro libro do que se falará "Así nacen as baleas", tamén foi publicado pola editorial Galaxia. Premio Arcebispo San Clemente e Premio de Narrativa Breve Repsol YPF 2007. Conta a historia da volta á casa dunha moza, que está en California, onde traballa de bióloga con baleas. Vainos presentando o seu pasado coa lembranza da figura do seu irmán Ramón, un neno con problemas psíquicos que só é quen de existir mentres pode facerse preguntas. Ela marchou porque un día a nai lle dixo que lle pasaba uns cartos todos os meses, pero que tiña que marcharse. Agora, ao volver, pregúntase como reaccionará ao atoparse con súa nai. Está moi ben narrada a infancia da protagonista, xunto cos problemas no interior da familia e preséntanos como unha moza inicia unha vida fóra da casa, e lonxe da familia que lle resultaba asfixiante. Iremos vendo a orixe familiar dunha moza que retorna ao seu pasado como única posibilidade de entender e vivir o presente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario