2/7/10

Recomendacións en Radioleiros

Títulos recomendados o venres 2 de xullo:

- Infantil:

Kalandraka

Un libro e un CD que conteñen dezaseis cancións infantís sobre temas tan diferentes como un reloxo que se esquece da hora, un libro que pode ser o meu amigo, varias da natureza ou do mundo máxico infantil, algunhas sobre contos, para finalizar cunha canción de berce. Partindo da música folk, presenta outros ritmos como jazz, soul ou rock e conta coa colaboración de distintos artistas como Xabier Díaz, Carmen Rey ou Guadi Galego.

Unha obra ben feita, cunhas melodías que serven para escoitar os nenos pero tamén as familias, xunto a unhas coloridas e innovadoras ilustracións.

- Mozos-as e Adultos-as:

A cada cual lo suyo, de Leonardo Sciascia
Tusquets.

Unha tarde de agosto, o farmacéutico dun pequeno pobo siciliano recibe un anónimo no que o ameazan de morte “Esta carta é a túa sentenza de morte, morrerás polo que fixeches”. Ao principio preocúpase, pero despois pensa que é unha broma. Un día marcha de caza co seu amigo o médico Roscio e ambos son asasinados. Isto provoca moitos rumores e a policía non parece moi eficiente. Laurana, un profesor de instituto, veciño da localidade, un home culto pero inxenuo, descubriu que o anónimo estaba realizado con palabras recortadas dun diario católico e conservador, “L’Osservatore Romano”, pois o seu logotipo, “Unicuique suum” “A cada cual, lo suyo”, figura na parte de atrás dos recortes, polo que decide investigar as persoas que receben este periódico.

É unha novela que nos mostra como é a vida nunha pequena vila siciliana, escrita con gran mestría e coa que se poden pasar uns momentos moi entretidos, na que Sciascia realiza unha crítica aos políticos italianos e á mafia.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario