30/4/10

Recomendacións en Radioleiros



Títulos recomendados o venres 30 de abril:
- Adolescentes a partir de 14 anos:
"A Pomba e o Degolado" de Fina Casalderrey en Xerais.
"A Pomba e o Degolado" é unha obra que trata do acoso escolar, pero tamén dunha historia de amor entre adolescentes.
A Andrés, un mozo que leva tres anos como alumno dun instituto, non lle van ben as cousas. Á súa problemática familiar a causa da separación de seus pais, engádeselle un problema de acoso escolar cos abusos de dous compañeiros, Héctor Solla e Raul Pernas, que lle fan a vida imposible a el e a súa compañeira Halima Atif, quen lle axuda nas tarefas escolares. Nin sequera pode refuxiarse nos aseos para recuperarse. Cando seu pai marcha da casa, el non entende o por qué, nin tampouco o malhumor da nai ou o comportamento de súa irmá. A situación empeora coa enfermidade de seu avó. Odia o instituto pero recupérase na casa coidando os paxaros do seu avó e chateando baixo o nome de “Degolado” con “Pomba” unha rapaza á que non coñece persoalmente. O seu nome de “Degolado” reflicte a situación na que se atopa no instituto e o anonimato da rede serviralle para expresar os seus sentimentos e inquedanzas. Pomba axudaralle a descubrir que inda hai persoas en quen confiar.
- Mozos-as e adultos-as:
"Señora de rojo sobre fondo gris" de Miguel Delibes en Destino.
Miguel Delibes foi un dos escritores españois máis importantes da segunda metade do século XX.
Exerceu de director do xornal El Norte de Castilla. Membro da Real Academia Española desde 1974. Recibiu entre outros galardóns: o Premio Nacional de Narrativa en 1955 por “Diario de un cazador”, o Premio Príncipe de Asturias de las Letras en 1982, o Premio Nacional de las Letras Españolas en 1991, o Premio Cervantes en 1993 e de novo o Premio Nacional de Narrativa, por “El hereje” en 1999. “Señora de rojo sobre fondo gris” foi publicada non ano 1991 e, segundo o autor, escribiuna para enfrontarse ao drama da morte da súa muller, Ángeles, que morrera había 17 anos. O título provén do nome dun cadro. Nicolás, un pintor que perdeu a inspiración, recorda á súa muller morta debido a unha longa enfermidade, nun monólogo dirixido á súa filla.
O seu relato céntrase en dous acontecementos: a detección da filla e o xenro por motivos políticos e, fundamentalmente, a enfermidade e morte da súa muller, Ana. Conta como a alegría e a vitalidade que a caracterizaban vaise apagando a causa da enfermidade. Fala de Ana como a muller que lle ensinou a enfrontarse a un lenzo en branco, como a que lle descubriu a beleza e a plenitude do cotián, como a muller que enchía todo coa súa presenza. Conta que o seu amor se baseaba na admiración mutua, na comprensión e o respecto. É unha fermosa narración, como unha homenaxe que lle fai á súa muller, fala de amor, da admiración que sinte pola súa parella e de humanidade.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas

No hay comentarios:

Publicar un comentario