26/4/10

Campaña de Animación á Lectura 2010: 3700 participantes na Campaña de Promoción da Lectura!!!

Nas Bibliotecas Municipais de Oleiros comezaron as actividades de promoción da lectura dirixidas aos centros de ensino, nas que uns 3.700 nenos-as, adolescentes e mozos-as, alumnos-as dos centros de ensino público de Oleiros, participarán na programación organizada polas bibliotecas municipais ata o día 11 de xuño.
As bibliotecas municipais de Oleiros emprenden este curso unha nova CAMPAÑA DE PROMOCIÓN DA LECTURA co fin de que o alumnado dos centros de ensino público do Concello adquiran gusto pola lectura e amor polos libros así como coñecer as bibliotecas municipais para que as visiten e utilicen. Entre outras actividades, traballarase o tema da biodiversidade, a través da actividade titulada “Biocontos”, a cargo do actor Pablísimo; haberá obradoiros de ilustración a cargo de Marisa Irimia coa actividade “Xogando cos contos e os debuxos” e Manel Cráneo con “O universo do Planeta Mincha”. O ilustrador Xosé Tomás explicarálles diversos procedementos para o debuxo e a realización de banda deseñada. A Compañía Artestudio Teatro porá en escena diferentes contos da obra de Álvaro Cunqueiro “Os outros feirantes” e realizará outro espectáculo de contos e música ao vivo a través do cal narrarán “Tomeu o Ferreret”, “Un coello moi astuto”, “Os tres segredos e “Unha urraca moi larpeira”. A actriz urugaia Soledad Felloza realizará unha actividade titulada "Las ingeniosas del hidalgo: El Quijote en voces de mujeres".





No hay comentarios:

Publicar un comentario