27/8/21

Recomendacións en Radioleiros: 27 agosto 2021

- Infantil (a partir de 6 anos):

Cuando mamá llevaba trenzas, de Concha Pasamar
Bookolia, 2018

Un traballo polo paso do tempo a partir dunha nena que atopa unhas fotografías da súa nai. Curiosidades e afecto cunhas magníficas ilustracións da autora.

- Mozas/os e adultas/os:

Rafael González Villar: a arquitectura dunha época en Betanzos
Deputación Provincial da Coruña, 2019

A obra deste arquitecto na cidade de Betanzos deixou unha pegada que val a pena visitar. Estética e innovación nunhas décadas moi interesantes.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

20/8/21

Recomendacións en Radioleiros: 20 agosto 2021

- Infantil (a partir de 6 anos):

Osa y lobo, de Daniel Salmieri
Ekaré, 2019

Este ilustrador e escritor norteamericando tráenos o encontro casual destes dous animais no bosque. Unha historia de amizade recomendada a partir dos seis anos.

- Mozas/os e adultas/os:

No Pazo de Laiovento. Conversas con Francisco Pillado Maior, de Xosé Luna Sanmartín
Espiral Maior, 2007

Un home fundamental no teatro e na cultura galega contemporánea. Profesor, escritor, editor, conferenciante… nunha suma intelectual de primeira orde, tamén vencellado a Oleiros.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

13/8/21

Prezado Pancho, sempre nos nosos corazóns (En lembranza de Francisco Pillado, 1941-2021)

O Concello de Oleiros, e en especial o persoal das bibliotecas municipais, mostra a súa tristeza polo falecemento do prezado escritor, dramaturgo e editor Francisco Pillado Mayor e manifesta as súas condolencias. Desexan expresar o seu agradecemento polo seu magnífico traballo en prol da cultura galega, pola súa sempre disposta colaboración co Concello de Oleiros (e en concreto coas bibliotecas municipais), pola súa xenerosidade e por poder gozar da súa amizade. Un referente ético para todos/as, unha persoa que visitou en diversas ocasións as Bibliotecas Municipais de Oleiros e que sempre gustou pola súa magnífica erudición e oralidade, polos seus amplos coñecementos e pola súa defensa da lingua e cultura galega.

A súa figura é fundamental para coñecer e entender o teatro en Galicia. Promotor de diversos grupos de teatro como a Escola Dramática Galega, Luis Seoane, Elsinor Teatro (estas últimas xunto con Manuel Lourenzo). Co-fundador de Edicións Laiovento, da que foi editor literario ata 2014. Director dos Cadernos da Escola Dramática Galega. Publicou numerosas obras como por exemplo: Dicionario do teatro galego (1671-1985) (en colaboración con Manuel Lourenzo); O teatro galego (en colaboración con Manuel Lourenzo); Guía das obras dramáticas de Álvaro Cunqueiro (en colaboración con Manuel Lourenzo); Antoloxía do teatro galego (selección de Francisco Pillado Mayor e Manuel Lourenzo); O teatro de Manuel Lugrís Freire; Na outra banda da ponte: (materiais para un espectáculo didáctico sobre Manuel Lugrís Freire); Camiño sen retorno: nota a xeito de diario informal: o inicio do espolio 2008-2009; Banqueiros; Cinco aspectos do teatro galego; Conversas en Compostela con Carballo Calero (en colaboración con Miguel Anxo Fernán-Vello); A nación incesante: conversas con Xosé Manuel Beiras (en colaboración con Miguel Anxo Fernán-Vello); A estrela na palabra: novas conversas con Xosé Manuel Beiras (en colaboración con Miguel Anxo Fernán-Vello).Verteu e traduciu ao galego obras fundamentais do teatro de Antón Chejov, Mario Benedetti, Michel de Ghelderode, Samuel Beckett, Molière, Niccolo Macchiavelli ou Eugène Ionesco.

Ao longo da súa traxectoria recibiu numerosos premios, galardóns e homenaxes como: Premio da Crítica en 1989 (polo seu labor de director dos Cadernos da Escola Dramática Galega); No País da Irmandade: Homenaxe Nacional a Francisco Pillado Mayor, no 2007; Premio de honra da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia en 2012; Premio da AELG á mellor obra teatral publicada no 2012, por Banqueiros;  Premio Ibán Toxeiro da A. C. Alexandre Bóveda no 2014, pola súa dedicación ao teatro; Distinción Republicano de Honra da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, no 2017.

Prezado Pancho, sempre te teremos nos nosos corazóns!

Recomendacións en Radioleiros: 13 agosto 2021

- Infantil (a partir de 10 anos):

O nariz de Fiz, de Miro Villar con ilustracións de Emanuel Lomeña
Galaxia, 2020

Fiz, un neno que vive nunha aldea da montaña posúe unha estraña habelencia que o vai converter en protagonista de emocionantes aventuras.

- Mozas/os e adultas/os:

Los afrancesados, de Miguel Artola
Alianza Editorial, 2008

A tese que redactou no 1953 deu lugar a este libro que hoxe é un clásico. Rexeitando tópicos, Miguel Artola tenta aclarar o significado da palabra "afrancesado", considerando a existencia dun colectivo heteroxéneo que por motivos intelectuais ou políticos decidiu apoiar ao invasor francés.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

6/8/21

Recomendacións en Radioleiros: 6 agosto 2021


- Infantil (nenas-os a partir de 10 anos):
"Carabela" de Paula Carballeira; ilustracións de Abi Castillo. Editado por Galaxia.
Obra de teatro a partir de dez anos que conta a historia de Carabela, a cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico. Un texto de temática medioambiental con ilustracións da viguesa Abi Castillo.


- Mozas-os e adultas-os:
"No digas nada" de Patrick Radden Keefe. Editado por Reservoir Books.
O secuestro en 1972 dunha viúva con dez fillos nun barrio católico de Belfast polo IRA é o comezo deste estudo do conflito norirlandés. Ducias de entrevistas cos protagonistas e anos de investigación mesturando historia, política e biografía.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

3/8/21

Filtros solares: Rialeda ofréceche a súa ampla gama para este verán!!!

Rialeda ofréceche a súa gama de filtros para este verán: 

UBH: Unha Boa Historia.
UBL: Unha Boa Localización.
UBP: Uns Bos Personaxes.

39 libros e películas, indispensables na túa bolsa de praia. 

Esenciais na túa mochila de fin de semana.

Imprescindibles na túa equipaxe para as vacacións.

Achégate á Biblioteca Central Rialeda e escolle os filtros máis axeitados para ti!!!

30/7/21

30 de xullo: na Biblioteca de Santa Cruz celebramos o Día Internacional da Amizade

O 30 de xullo celébrase o Día Internacional da Amizade. Din que quen ten un amigo-a ten un tesouro, e nós pensamos que un libro é un tesouro... Así que desde a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz) pareceunos que unha boa forma de celebrar este día sería coñecendo historias que nos falen dese vencello tan especial que une as persoas e fomenta as relacións entre as diferentes culturas, países e colectividades.

Aquí vos deixamos un pequeno vídeo con propostas para as-os máis pequenas-os da casa, lecturas frescas, a ver se así conseguimos un verán cheo de amor e amizade!!!

Recomendacións en Radioleiros: 30 xullo 2021

- Infantil (nenas-os de 6 a 8 anos):
"O dragón que non botaba lume" de Carlos López; ilustracións de Óscar Villán. En Galaxia.
Despois dunha tempada sementando o terror, un dragón deixa de botar lume. Un problema co que non contaba e que ten que amañar.
- Mozas-os e adultas-os:
"Madrid" de Andrés Trapiello. Editado por Destino.
Instalado na cidade desde 1975, Trapiello retrata a súa experiencia na mesma dun xeito lóxico e, á vez
desordenado: casas, xente, barrios, museos, bares.. formando un “pobo grande e revolto” en palabras de Galdós. Un Madrid poliédrico capaz de reinventarse todos os días neste ensaio de alta calidade literaria e expositiva.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas. 

26/7/21

Doses de aloumiños: Exposición de libros infantís sobre as avoas e os avós na Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz)

O 26 de xullo celébrase o Día das avoas e dos avós . Figuras que conforman sólidos pilares familiares creando vencellos especiais coas súas netas e netos. 

Consentidoras-es, tenras-os e cunha grande sabedoría, as avoas e os avós sempre están dispostas-os para aloumiñar, aconsellar e coidar. Por iso, desde a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz), queremos brindarlles unha homenaxe escollendo unha serie de libros nos que as-os protagonistas das historias son elas e eles. 

Porque un conto lido pola túa avoa ou polo teu avó é a mellor dose de aloumiños para rematar o día!!!

Clica na imaxe para ver a escolma de libros.

23/7/21

Segue a frecha: expo de libros e películas que te levarán a Compostela, en Rialeda

Este 2021 é ano xubilar e iso significa que miles de persoas farán o seu particular Camiño de Santiago. Un ano xacobeo diferente e "expandido" a 2022 por mor da pandemia vírica. Cada quen se botará aos camiños para convertir esta experiencia nunha vivencia propia e moi persoal. 

A Biblioteca Central Rialeda (Perillo) proponche un itinerario literario polo Camiño e polas rúas da cidade compostelá. Case cincuenta libros e películas ambientadas no entorno máxico dun percorrido e dunha meta: unha cidade que se convirte en teatro de variadas personaxes literarias e escenografía perfecta para os argumentos de novelas como as de Suso de Toro, Marilar Aleixandre, Henri Vincenot, Marcos S. Calveiro, Matilde Asensi, Carlos Casares, Ulrike Schweikert, Blanca Riestra e moitas-os outras-os. 

Fai connosco o camiño literario de Santiago e segue a frecha que te conduce a unha Compostela de novela e de película! 

Recomendacións en Radioleiros: 23 xullo 2021

- Infantil (nenas-os de 6 a 8 anos):
"A auga, o dragón e o salgueiro chorón" de Xosé A. Perozo; ilustracións de Antonio Seijas. En Auga Editora.
Serpe, un dragón, atopa ao seu amigo Salgueiro moi triste pola falta de auga. Terá que pensar nunha solución para o monte da Cova da Serpe. Un relato arredor da amizade e da preocupación medioambiental.

- Mozas-os e adultas-os:
"Las edades de la globalización: geografía, tecnología e instituciones" de Jeffrey D. Sachs. Editado por Deusto.
A interacción entre humanos, tecnoloxía e natureza deu lugar á globalización: unha historia en diferentes fases con logros e fracasos, beneficios e desastres ao longo de 70.000 anos.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.