- Infantil (de 6 a 8 anos):
Doña Eremita sobre ruedas, escrito e ilustrado por
Quentin Blake
Ekaré
Divertido conto no que o autor nos fala da simpática e estrafalaria Dona Eremita, unha señora maior á que lle gusta moito andar en bicicleta e para mellorar os servizos que lle presta a súa bici, vaille instalando diferentes accesorios, sempre acompañada do seu fiel can Mambrú.
Unha obra chea de humor que fará as delicias das nenas e os nenos que a lean, cunhas graciosas ilustracións que van mostrando todos os detalles.
- Para moz@s e adult@s:
Ardalén, escrito e ilustrado por
Miguelanxo Prado
El Patito Editorial
Ardalén é unha obra moi fermosa, cunhas magníficas ilustracións e un texto poético. Unha historia sobre os recordos, as lembranzas, na que se nos di que somos o que recordamos, pero a memoria non é un rexistro obxectivo e inalterable. O propio autor definiu este libro como unha historia sobre a memoria persoal, con
influencia do realismo máxico.
O título, Ardalén, significa aire do máis aló, un vento do suroeste que sopra desde o mar cara a terra nas costas atlánticas europeas e que segundo as crenzas populares orixínase nas costas americanas.
A protagonista, Sabela, unha muller que acaba de separarse e de perder o traballo, no intento de

adaptarse á nova situación, desexa reconstruír a historia de seu avó: un home que marchou para Cuba e que súa avoa intentou borrar das súas vidas, convencida de que aló formara outra familia. A súa pista son unas cartas que lle falan dun amigo que andou embarcado e estivo en Cuba. Decide ir ao lugar onde residía. Alí a única persoa que lle pode proporcionar esa información é Fidel, pero xa non se atopa ben. Os seus recordos van e veñen, incluso a veces non é capaz de diferenciar cales son recordos e cales imaxinacións. A través dos seus encontros vaise construíndo a historia, pero tamén imos coñecendo o mundo interior de Fidel.
Cando lle concederon o Premio Nacional o xurado destacou o seu carácter poético e a mestría técnica no uso das cores. Dixo que é una obra que mestura a realidade co soño, a memoria e o esquecemento.
En toda ela podemos admirar as espléndidas ilustracións con preciosas paisaxes outonais galegas, pero tamén uns personaxes cuns rostros moi expresivos.
Un libro de gran beleza que temos nas bibliotecas, que poden levar en préstamo para as súas casas, co que van gozar dobremente: lendo os textos e contemplando as ilustracións.