24/10/24

O proxecto de animación á lectura “Rialeda: literatura e música para cambiar o mundo” seleccionado polo Ministerio de Cultura para o Concurso María Moliner 2024

O proxecto de animación á lectura “Rialeda: literatura e música para cambiar o mundo” seleccionado polo Ministerio de Cultura para o Concurso María Moliner 2024
Un ano máis, o proxecto de fomento da lectura presentado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros, denominado “Rialeda: literatura e música para cambiar o mundo”, foi seleccionado pola Comisión de Valoración do Concurso de proxectos de animación á lectura María Moliner convocado polo Ministerio de Cultura en colaboración coa FEMP neste ano 2024. 
O proxecto titúlase “Rialeda: literatura e música para cambiar o mundo” e nel describíronse as actividades de promoción da lectura e de extensión cultural planificadas pola Biblioteca Central Rialeda (Perillo), que se levaron a cabo entre os meses de marzo de 2023 a xuño de 2024. 
Para atraer a toda a poboación organizáronse actividades de fomento da lectura e dinamización cultural dirixidas a todos os sectores e idades, promovendo a igualdade de oportunidades no acceso ao libro e á lectura, fomentando a conciencia ambiental e a igualdade entre mulleres e homes. Realizáronse programas específicos con crianzas, adolescentes, mocidade e persoas adultas, traballando o fomento da lectura, a integración de todos os sectores sociais e a protección da natureza. 
Entre todas, podemos destacar:
As actividades dirixidas ao alumnado dos centros de ensino como os talleres de escritura e obradoiros de poesía pola poeta Maribel Andrésrecitais de poesía e contacontos en verso pola tamén poeta Yolanda Castaño“Achegamento á poesía española” ou “Poéticas galegas” a cargo da actriz Chus Álvarezobradoiros de banda deseñada e ilustración polos ilustradores Miguel Cuba e Óscar VillánAs Metamorfoses de Ovidio por Charo Pitaconcertos musicais por Pablo Díaz, contacontos a cargo de Galeatro, A Xanela do Maxín, Trinke Trinke Teatro, Ramiro Neira, Trémola Teatro, etc. 
Visitas guiadas á Biblioteca Central Rialeda e contacontos “Feirantes” partindo da adaptación dun relato de "Os outros feirantes" de Álvaro Cunqueiro. 
Conmemoración de datas significativas como o Día das Letras Galegas con “Luisa Villalta: entre o violín e a poesía” por Charo Pita ou “A pequena Luisa” por Ramiro Neira, o Día de Rosalía con “A miña historia” a cargo de Trémola Teatro, o Día da Poesía con “Muller, poeta en galego” con Yolanda Castaño, o Día da Muller con “8 (M)ulier” de Trémola Teatro, o Día do Libro Infantil e Xuvenil con “Voar sen medo” por Chus Álvarez, etc.
A hora do conto para crianzas, as Recomendacións de libros en Radioleiros, a entrega de premios ás-aos socias-os máis lectoras-es das bibliotecas municipais, encontros con escritoras-es e presentacións de libros, roteiros literarios, clubs de lectura e Tertulias literarias, exposicións bibliográficas, etc. 
Entre os 634 proxectos presentados por bibliotecas de municipios con menos de 50.000 habitantes de todo o Estado Español, seleccionaron 370 nos que se recoñecen as mellores iniciativas de promoción lectora a nivel de todo o Estado e 10 premios especiais. Nesta selección figura o proxecto presentado polas Bibliotecas Municipais de Oleiros. 
O premio consiste en 2.772,22 € que se destinarán á adquisición de libros para as bibliotecas municipais, en función das súas necesidades, e para completar os seus fondos bibliográficos en beneficio de toda a veciñanza do municipio.

Grazas por participar nas nosas actividades, grazas por facer biblioteca!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario