Fina Casalderrey é aspirante ao Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA) 2026. GÁLIX está desenvolvendo unha intensa campaña de apoio da súa candidatura na que Bibloleiros quere colaborar a través de exposicións das súas obras nas Bibliotecas Municipais de Oleiros. A este fermoso labor de difusión están convidadas todas as persoas que queiran sumarse.
Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1951) é mestra e unha das grandes voces da literatura infantil e xuvenil en galego. Medrou escoitando contos na casa, o que alimentou a súa imaxinación. Esa relación tan agarimosa coa lingua acompáñaa toda a súa vida. Publicou máis de sesenta libros e foi recoñecida con numerosos premios, entre eles o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por O misterio dos fillos de Lúa. As súas historias abordan temas próximos á infancia e adolescencia, con moita tenrura, humor e verdade, sempre desde o respecto polas nenas e nenos. É académica da Real Academia Galega e unha figura esencial da nosa literatura.
O Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA) é o premio internacional máis importante dedicado á literatura infantil e xuvenil, creado polo Goberno de Suecia en memoria da autora Astrid Lindgren, creadora de Pippi Mediaslongas. Concedeuse por primeira vez en 2003 e recoñece autoras, ilustradoras, narradoras orais e proxectos de promoción da lectura de todo o mundo. Está considerado o "Nobel da Literatura Infantil" e premia unha traxectoria que contribúe de maneira destacada ao dereito da infancia a acceder a literatura de calidade. Para este 2026 hai un total de 263 candidaturas de 74 países. O anuncio da candidatura gañadora terá lugar o 14 de abril deste ano.Fonte: Gálix
Moitas obras da autora pontevedresa foron suxestión de lectura nas RecomendaciónsEnRadioleiros.
Lévate en préstamo os libros de Fina Casalderrey que temos en Bibloleiros ao teu dispor.
Fina Casalderrey, contigo, con toda a ALMA
No hay comentarios:
Publicar un comentario