14/3/25

Recomendacións en Radioleiros: 14 marzo 2025

- Infantil (ata 6 anos):

A nube de Greta, de David Hernández Sevillano, con ilustracións de Luisa Vera.
NubeOcho.

Un simpático libro que nos presenta a Greta, unha nena que quere ter unha mascota, pero como é alérxica aos animais, decidiu que a súa mascota sería unha nube. Ter unha nube de mascota pode axudar a algúns veciños a regar as hortas ou apagar incendios, polo que están moi contentos; pero outros, pola contra, están enfadados porque lles estraga a churrascada ou lles molla a roupa. A vila está dividida entre os que a queren e os que non...

Unha divertida obra, cunhas coloridas e atractivas ilustracións, para fomentar a lectura con humor e imaxinación entre os máis pequenos, e que tamén pode servir para explicarlles que as persoas temos intereses distintos, o que pode ser bo para uns, pode non selo para outros.

- Mocidade e persoas adultas:

Los reyes de la casa, de Delphine de Vigan.
Anagrama.

Versión dixital en eBiblio.

Unha novela que provoca unha reflexión sobre a utilización dos menores, por parte dos pais, para obter un beneficio económico, fama, ou ambas.

Mélanie Claux é unha muller á que sempre lle gustaron os  reality shows, os reels e todo este tipo de concursos e de espectáculos. Cando era moza, a familia Claux seguía todos os xoves pola noite o concurso Loft Story sobre distintos candidatos reunidos nun chalet. Cada membro da familia tiña os seus preferidos. Mélanie nese momento contaba con 17 anos e sempre fora de carácter introvertido.

Por outra banda, nas aforas de París, Clara Roussel, unha adolescente de 15 anos e boa estudante,  miraba soa e furtivamente a final de Loft Story. Seus pais, unha parella de profesores moi comprometidos coa vida local e asociativa, pertencían desde a súa fundación a un colectivo moi activo contra calquera tipo de videovixilancia.

Cando Clara e Mélanie se viron por primeira vez, pasaran dez anos desde que Mélanie se independizara de seus pais e Clara entrara na policia. Mélanie casouse e decidiu ser ama de casa, pero ao pouco tempo cansouse desa vida. Ten un fillo e unha filla: Sammy e Kimmy. Así que comezou a gravar e a colgar en Internet escenas familiares, primeiro dúas veces á semana, pero despois máis a miúdo, o que lles reportou importantes beneficios económicos promocionando marcas comerciais. Ata que desapareceu Kimmy, con 6 anos de idade, mentres xogaba ao escondite con outros nenos do complexo residencial onde vivían...

Unha novela que analiza este tipo de prácticas de utilización dos menores. Un retrato potente e necesario da sociedade actual, pero tratado con sensibilidade, cunha intriga ben documentada, un estilo preciso e unha narración aditiva.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario