23/11/12

Recomendacións en Radioleiros: 23 de novembro

- Infantil (menores de 6 anos):
"Papá, por favor, achégame a lúa" de Eric Carle, editado por Kalandraka.
Mónica quere coller a lúa para xogar con ela. O pai buscou unha longa escada e levouna ata unha montaña moi alta, chantouna na parte superior e subíu e subíu...
Deliciosa obra, cunhas magníficas e coloridas ilustracións, xunto con despregables e textos curtos.
- Mozas/os e adultas/os:
"Los enamoramientos" de Javier Marías, en Alfaguara
Premio Nacional de Narrativa 2012, que o escritor rexeitou porque dixera en diferentes ocasións que non recibiría ningún premio institucional, engadindo que eses cartos (20.000 €) os podían entregar ás bibliotecas públicas. A revista Babelia elixíuno como o 1º dos 25 mellores libros do ano 2011.
É unha interesante novela narrada en primeira persoa por María Dolz, na que nos presenta a Miguel Desvem e a súa muller, Luisa. María coincidía con esta parella na cafetería a que ela acudía diariamente e parecían estar moi namorados. Pero un día deixou de velos, preguntou, e é cando soubo que el fora asasinado, en plena rúa do centro de Madrid, por un aparcacoches demente que o confundíu con outra persoa.
Segundo explica o autor, é un libro sobre o estado do namoramento, considerado como algo positivo e que parece xustificar todas as cousas: as accións máis nobres e desinteresadas, pero tamén moitas ruindades e as dificultades de castigar á persoa que amas. É tamén unha obra sobre a impunidade e a inconveniencia de que os mortos poidan volver, aínda que se sentira profundamente a súa perda. Neste aspecto, na novela fai unha comparación co relato de Balzac “El Coronel Chabert”.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario