Títulos recomendados o venres 4 de marzo:
- Xuvenil:
"La evolución de Calpurnia Tate" de Jacqueline Kelly en Roca Editorial.
Calpurnia Tate é unha nena de 11 anos que vive nunha localidade de Texas a finais do século XIX. Gústalle observar a natureza e faise preguntas sobre todo aquilo que non comprende. Acompañada de seu avó, realizará pequenos experimentos científicos. O problema é que súa nai está preocupada con estas afeccións, xa que, pola contra, non lle gusta cociñar, nin bordar, nin calcetar. Esta obra reflexiona sobre o papel da muller na sociedade, pero tamén fala de Darwin e outros científicos, da súa obra El origen de las especies e a polémica que causa, da sensación que provoca nesta pequena vila a chegada do primeiro teléfono, ou do asombro co primeiro automóbil. Estamos nunha época de cambios e avances que mellorarán a vida das persoas, pero moitas veces o máis difícil de cambiar son as mentalidades. Un libro moi interesante, axeitado para todas as idades, que recomendamos para adolescentes a partir de 12 anos, pero que tamén lles vai gustar aos adultos.
- Mozos-as e adultos-as:
"La cena" de Herman Koch editado por Salamandra.
Presenta dúas familias, por un lado Paul e Claire, xunto co seu fillo Michel, de 15 anos. Polo outro, Serge, irmán maior de Paul, político e candidato á presidencia do país, a súa muller Babette e os seus fillos Rick (fillo biolóxico) e Beau ( adoptado).
As dúas parellas quedaron para cear nun luxoso restaurante da cidade e, nese período de tempo, Paul irá narrando todos os acontecementos.
O tema central da novela é o que van tratar nesta cea, uns feitos graves que realizaron os seus fillos.
Segundo imos lendo xórdennos multitude de preguntas, como reaccionarían uns pais ao ter coñecemento de que seu fillo ou filla realizou un acto grave?
Deberíase tratar de ocultalo ou facerlle fronte con todo o que isto ocasione?
Estamos ante unha obra polémica, que provoca diferentes opinións e non deixa a ninguén indiferente.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario