A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia concede o Premio á innovación bibliotecaria de Galicia 2024, na categoría de concellos de máis de 10.000 habitantes, ao Concello de Oleiros, polo proxecto “Ler para saber: A CIENCIA” presentado pola Biblioteca Central Rialeda (Perillo). O galardón ten como obxectivo impulsar e dar visibilidade ás propostas de carácter innovador e ás boas prácticas levadas a cabo por estas entidades locais, valorando a súa orixinalidade. É un proxecto organizado pola Biblioteca Central Rialeda e o CEIP Valle-Inclán (Perillo). Desde o CEIP Valle-Inclán coordina todas as actividades a profesora Fina Mosquera. Formado por charlas e obradoiros de divulgación científica que se desenvolven na Biblioteca Rialeda durante determinados venres, ás 18.30 h, dos meses de febreiro a maio e de outubro a decembro. Está dirixido a nenas-os maiores de 10 anos, adolescentes, mocidade e público en xeral. Para poder levalo a cabo é imprescindible a colaboración do profesorado, alumnado e nais-pais de alumnado do CEIP Valle-Inclán, así como profesorado da Universidade da Coruña e de educación secundaria de diversos institutos, diversos profesionais e expertas-os da enxeñaría, medicina, arquitectura, nutrición, veterinaria, misións planetarias, informática, bióloxía, membros de diversas asociacións como Greenpeace, Asociación Micolóxica Coruñesa, técnicas-os dos Museos Científicos Coruñeses, etc. Todas-os as-os ponentes que imparten estas conferencias e obradoiros fano de forma altruísta e gratuíta. Consiste na presentación e explicación dun tema científico, dunha forma sinxela e comprensible para todo tipo de público, de maneira que as-os asistentes poidan asimilar os conceptos e ideas básicas sobre a temática tratada, aprendendo uns coñecementos e conceptos sobre o mundo da ciencia importantes para desenvolverse na sociedade actual. Algúns dos temas tratados ou que se van tratar son: programación informática e usos de novas tecnoloxías, a xenética, a bioloxía, novos experimentos científicos, o corpo humano, a alimentación, o cambio climático, a botánica, a conservación dos océanos, astronomía, aeronáutica e misións espaciais, a arquitectura, os fungos, o medio ambiente, a Expedición Balmis, os antibióticos, etc.

Moitas grazas a todas as persoas que colaboran ou colaboraron neste proxecto e a todas as persoas asistentes!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario