23/4/21

Día Mundial do Libro nas Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros

O 23 de abril celébrase o Día do Libro. É unha celebración internacional promovida pola UNESCO para render unha homenaxe universal ao libro e aos seus autores e autoras. Cos obxectivos de conmemorar esta importante data e de potenciar o hábito lector, as Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros organizamos as seguintes actividades de promoción da lectura:

Recomendacións de libros para moz@s e adult@s
Trátase dunha selección de 64 obras de novela, poesía, teatro, banda deseñada, biografía, ensaio e divulgación científica, de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para diferentes gustos, intereses e preferencias. Boas historias e bos libros para ler, observar, gozar e compartir. Témolos nalgunha das bibliotecas municipais de Oleiros e pódenos levar en préstamo para as súas casas. Algúns tamén figuran nas plataformas de libros electrónicos GaliciaLe e Ebiblio onde tamén os poden coller en préstamo de forma gratuíta.

 Recomendacións de libros para público infantil e xuvenil
Para tomar un respiro e encher a túa mente coa fascinación da lectura pausada ou da palabra escoitada presentamos esta selección de 66 obras distribuídas por idades, desde os 0 anos ata os 16, con contos e narracións, álbum ilustrado, Letras e sons, poesía, teatro, banda deseñada e coñecemento, de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para diferentes gustos, intereses e preferencias. Témolas nalgunha das bibliotecas municipais de Oleiros e pódenas levar en préstamo para as súas casas. Algunhas tamén figuran nas plataformas de libros electrónicos GaliciaLe e Ebiblio onde tamén as poden coller en préstamo de forma gratuíta.

Recomendacións de películas infantís e xuvenís
Formada por 15 películas para un público infantil e xuvenil.

Biblioteca Central Rialeda. Perillo

Latitudes de lectura en Oleiros
Cóntanos cal é o mellor lugar en Oleiros para ler. Envíanos unha fotografía dese emprazamento único onde te deixarías acompañar por un libro.
A foto ideal estaría formada por: ti + o libro + o lugar elixido.
Participa se tes máis de 18 anos. Podes enviala, ata o 21 de abril, ao noso correo electrónico
biblioteca.rialeda@oleiros.org
Farase un fermoso carrusel coas latitudes de lectura en Oleiros.

A luz na batalla
Continuamos coa exposición bibliográfica sobre Emilia Pardo Bazán, para conmemorar o centenario da súa morte. Leva o título de A luz na batalla, baseándonos no lema en latín De bellum luce que ela adoptara e utilizara encabezando o seu papel de cartas e que é unha declaración de principios da loita por defender a súa liberdade individual. Esta exposición está formada por novelas, artigos xornalísticos, ensaios, estudos e biografías sobre a autora de La Tribuna. Tamén está a serie de televisión homónima inspirada na novela Los pazos de Ulloa e o audiolibro Aire y otros relatos con seis das súas narracións curtas.

A Hora do conto
O 22 de abril, ás 18:30 h., contacontos a cargo da narradora oral Carmen Domech co espectáculo Contacontos de libros contentos.
O 29 de abril, ás 18:30 h., contacontos a cargo da compañía Eduvía co espectáculo Contos de cores.
Os dous contacontos ademais de realizarse presencialmente na biblioteca, tamén se subirán ao blog e á Web municipal o día seguinte da súa realización e permanecerán durante 48 horas para que poidan visualizalos todos os nenos e nenas que non puideran asistir.

Biblioteca Municipal Rosalía de Castro. Santa Cruz

Premio Cervantes
Exposición de obras de escritores/as galardoados/as co Premio Cervantes.

O que le, vístese por dentro
Os/as usuarios/as recomendarán libros que lles gusten. As recomendacións serán en cartulinas con forma de prendas de vestir para despois colgalas en diversos espazos da biblioteca.

Libros arredor do mundo 
Mostra da produción literaria dos distintos continentes, escritor@s europe@s, american@s, african@s e asiátic@s, que podes levar para coñecer diferentes culturas e xeitos de contar.
Nas tertulias destas semanas, comentaremos “Adiós, Hemingway” do escritor cubano Leonardo Padura e “La vegetariana” da escritora coreana Han Kang, novelas moi diferentes para analizar culturas diferentes.

A Hora do conto
O 21 de abril, ás 18:30 h., contacontos a cargo da compañía Eduvía co espectáculo Contamundos.
O 28 de abril, ás 18:30 h., contacontos a cargo do actor Ramiro Neira co espectáculo Como escoitar e gozar nunha sesión de contacontos.
Os dous contacontos ademais de realizarse presencialmente na biblioteca, tamén se subirán ao blog e á Web municipal o día seguinte da súa realización e permanecerán durante 48 horas para que poidan visualizalos todos os nenos e nenas que non puideran asistir.

Biblioteca Municipal Mª José Trincado. Mera

A lectura como bálsamo
Mostra bibliográfica de temática moi diversa e que deixe bo sabor de boca.

Opinións de lectura
Os usuarios e usuarias deixarán as súas opinións sobre a lectura do libro nunha caixa de correos. Realización dun cartel con estas opinións.

Marcapáxinas
Realización dun marcapáxinas conmemorativo do Día do libro.

A Hora do conto
O 30 de abril, ás 18:30 h., contacontos a cargo da actriz Ana Carreira co espectáculo Contos de miúdos.
Este contacontos ademais de realizarse presencialmente na biblioteca, tamén se subirá ao blog e á Web municipal o luns, 3 de maio, e permanecerá durante 48 horas para que poidan visualizalos todos os nenos e nenas que non puideran asistir.

Biblioteca Municipal Xograr Mendiño. Lorbé

Cervantes e Shakespeare
Exposición bibliográfica sobre as principais obras de Cervantes e Shakespeare.

Marcapáxinas
Realización dun marcapáxinas conmemorativo do Día do libro.

Mural de recomendacións
Cada persoa poderá facer unha recomendación dun libro ou película, que se colocará nun mural na biblioteca.

A Hora do conto
O 22 de abril, ás 18:30 h., contacontos a cargo da actriz Lía Magalia co espectáculo Cousas de bruxas.
Este contacontos ademais de realizarse presencialmente na biblioteca, tamén se subirá ao blog e á Web municipal o luns, 3 de maio, e permanecerá durante 48 horas para que poidan visualizalos todos os nenos e nenas que non puideran asistir.

Biblioteca Municipal Manuel María. Oleiros

E ti...que les?
Actividade na que os usuarios e usuarias recomendan algún libro que levaran en préstamo da biblioteca e que lles gustara  especialmente. Todas as lecturas recomendadas serán expostas na biblioteca.
 
 
Compartindo un libro 
Mostra bibliográfica coas recomendacións literarias feitas polas usuarias e usuarios infantís xuvenís e adultos da biblioteca.



Biblioteca Municipal Ánxel Fole. Nós

A Hora do conto
O 23 de abril, ás 18:30 h., contacontos a cargo da compañía Trémola Teatro co espectáculo En busca dos monstros.
Debido a que esta biblioteca está pechada ao público por obras no seu interior, a sesión de contacontos poderán vela a través de Youtube. Subirase ao blog e á Web municipal o mesmo día da súa realización e permanecerá durante 48 horas para que poidan visualizala todos os nenos e nenas que o desexen.


No hay comentarios:

Publicar un comentario