E o son quedou pendurado no aire. A Eduardo Coma, a vida deulle pouco tempo para seguir a súa longa traxectoria, inmensa. Desde os seis anos estudando e aprendendo os milleiros de notas que o construíron como músico, compositor, profesor de conservatorio, integrante de Luar na Lubre, creador do Quinteto Cimarrón xunto a outros virtuosos cubanos e do Coma Ensamble, colaborador de Paquito D'Rivera co que gravou disco e centos e centos de actuacións. E tantos e tantos sons que levou polo mundo, e tantos países e xentes que tiveron a fortuna de andar os camiños da súa música.
Nas bibliotecas municipais de Oleiros houbo esa sorte e ese privilexio: nos muros da Biblioteca Central Rialeda (Perillo) e do Teatro As Torres (Santa Cruz) ecoaron as notas de Eduardo. Aínda máis, na fermosura dos xardíns do Pazo de Lóngora (Liáns) fixo soar as partituras do compositor coruñés Marcial del Adalid no Roteiro Cultural e Literario de 2013. En 2015, no Roteiro Cultural e Literario daquel ano, no verxel do Pazo do Río (Montrove), volveu a deixar, brincando, os sons de músicas da época.
E os sons de Eduardo seguirán camiñando no aire ("Cubalicia", "Violingrafía", "Aires tropicales", etc.) creando infindas vereas como as que xuntaron Cuba e Galicia, Camagüey e Oleiros.
Grazas por todo, amigo Eduardo. Que a terra che sexa leve.
No hay comentarios:
Publicar un comentario