2/6/23

Recomendacións en Radioleiros: 2 xuño 2023

- Infantil e Xuvenil (a partir de 9 anos):

La regla mola: si sabes cómo funciona, de Anna Salvia Ribera e Cristina Torrón Villalta
Montena

Versión dixital en eBiblio

Libro escrito por Anna Salvia, psicóloga especializada en educación sexual, e ilustrado por Cristina Torrón, creadora do proxecto de educación sexual Menstruita.

Explica de forma clara, directa e sinxela que é a menstruación, o ciclo menstrual e a primeira regra. Está escrito para que o lean as nenas e os nenos pero tamén pode servir de ferramenta para facilitar a comunicación sobre este tema na familia ou na escola.

- Mocidade e persoas adultas:

Nada crece a la luz de la luna, de Torborg Nedreaas
Errata Naturae

Na estación de tren dunha grande cidade un paseante fíxase nunha  muller que leva abrigo azul e unha maleta vermella na man. A muller deambula pola estación con aspecto de non saber a onde dirixirse. Finalmente marchan xuntos para a casa del e ao longo desa noite a misteriosa muller, nunha atmosfera cargada polo fume do tabaco e o alcohol, cóntalle ao home a súa historia.

Historia narrada con mestría por Torborg Nedreaas que esperta no lector/a todo tipo de emocións.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

31/5/23

Desacougante Murakami: Premio Princesa de Asturias das Letras 2023

Desacougante Murakami: Premio Princesa de Asturias das Letras 2023
Escritor e tradutor, Haruki Murakami naceu en Kioto (Xapón) o 12 de xaneiro de 1949. Licenciado en Literatura pola Universidade Waseda e amante da novela negra, durante os inicios da súa carreira literaria rexentou un club de jazz, sendo a música un elemento decisivo que percorre toda a súa obra, na que conflúen o mundo cotián do Xapón moderno e as referencias á cultura pop.
Fonte: fpa
 
Dous títulos seus foron recomendados en Radioleiros:
 
"Sauce ciego, mujer dormida" e "Kafka en la orilla" foron obxecto de análise nas tertulias literarias.
 
Visita a expo de Murakami que temos para ti no vestíbulo da Biblioteca Central Rialeda (Perillo).

Títulos dispoñibles en eBiblio
Parabéns, Haruki!!! 

30/5/23

Tertulia literaria en Rialeda: mércores 31 maio 2023 (Grupo A)

Biblioteca Central Rialeda. Perillo
17:30 a 19:30 h.

Comentario de "Sibila" de Rosa Aneiros
Coa colaboración da profesora xubilada de lingua e literatura galegas Rosa García Vilariño
Documentación

Seguinte lectura: "Canto yo y la montaña baila" de Irene Solà

29/5/23

30 de maio en Rialeda: Encontro literario con Andrea Nunes Brións (Cafés en lila)

30 de maio en Rialeda: Encontro literario con Andrea Nunes Brións (Cafés en lila)
Biblioteca Central Rialeda (Perillo).
Martes 30 de maio ás 18:30 h.
 
Encontro literario coa escritora, profesora e activista Andrea Nunes Brións, autora de obras como "Diáspora de amor balea" escrito conxuntamente con María Rosendo, gañadora do XII Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas; "Todas as mulleres que fun", finalista nos premios da AELG e "Corrente de esquecemento".
Conversaremos con ela sobre os activismos desde a expresión oral e escrita, o poético-político, arredor do transfeminismo, o activismo gordo, o anti-capitalismo, a igualdade, o LGTBIQA+... Andrea vinculouse desde os seus comezos á actividade poética e ao activismo feminista, unindo ambos. Forma parte da equipa de crítica literaria feminista A Sega. Foi profesora en diferentes universidades, na China, Italia e Galicia. Na actualidade é docente de educación secundaria en Santiago de Compostela.
Entrada libre ata completar aforo.
Este encontro encádrase dentro da actividade “Cafés en lila: Literatura e Feminismo”, organizada pola Concellaría de Igualdade do Concello de Oleiros.

Tertulia literaria en Santa Cruz: martes 30 maio 2023 (Grupo B)

Biblioteca e Centro de Documentación da Muller "Rosalía de
Castro". Santa Cruz
17:30 h a 19 h.

Comentario de "Virtudes (e misterios)" de Xesús Fraga
Coa colaboración da profesora de lingua e literatura galegas Pepe Taboada e a presenza de Xesús Fraga
Documentación

Seguinte lectura: "Las viudas de los jueves" de Claudia Piñeiro.

27/5/23

Recomendacións en Radioleiros: 26 maio 2023

"El niño nuevo" de Jerry Craft

Recomendacións en Radioleiros: 26 maio 2023- Infantil (crianzas a partir de 12 anos):

"El niño nuevo" de Jerry Craft. Editado por Planeta Cómic.
Jordan é un adolescente afroamericano que adora debuxar, fai pequenos cómics e o seu desexo cando remate a secundaria é ir a unha escola de arte. Non logra entender por que a súa nai quere levalo á exclusiva Academia Riverdale, onde ás expectativas académicas súmanse as sociais.

"Non fales o que non debes" de Luís Manuel García Mañá

- Xoves e persoas adultas:

"Non fales o que non debes" de Luís Manuel García Mañá. En Xerais.
Versión dixital en GaliciaLe
Os presuntos suicidios dun xuíz e un concelleiro da vila, levan a Vagalume, un xornalista que asina as súas columnas con este alcume a investigar a relación destas mortes coa Operación Tachira, sospeitando que tras elas existe unha trama económico-política que pode salpicar a outros persoeiros da vila.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

26/5/23

Ler para saber A CIENCIA: 26 de maio 2023

Ler para saber A CIENCIA: 26 de maio 2023
Jacqueline Vázquez González. Veterinaria.Charla de divulgación científica dirixida á poboación infantil (a partir de 10 anos), adolescentes e público en xeral.

Día: Venres, 26 de maio.
Lugar: Biblioteca Central Rialeda (Perillo).
Hora: 18:30 h.

As mascotas non son xoguetes
Jacqueline Vázquez González. Veterinaria.

Seleccionamos para ti títulos relacionados con este tema. Preme na ligazón.

23/5/23

Tertulia literaria en Rialeda: mércores 24 maio 2023 (Grupo B)

Biblioteca Central Rialeda. Perillo
17:30 a 19:30 h.

Comentario de "Hamnet" de Maggie O'Farrell
Documentación

Seguinte lectura: "El señor Wilder y yo" de Jonathan Coe


Martin Amis: polémico e influente, 1949-2023

Martin Amis: polémico e influente, 1949-2023
Morreu un dos autores anglosaxóns máis influentes, polémicos e ousados do último medio século: Martin Amis. Escritor e intelectual británico, en diálogo e debate permanente coa literatura e o presente. Nacido en Gales en 1949, faleceu en Florida o pasado 19 de maio. Martin Amis abríuse paso baixo a sombra do seu pai, o escritor Kingsley Amis e pertenceu a unha xeración brillante de autores como Salman Rushdie, Julian Barnes, Ian McEwan, Hanif Kureishi e o Nobel de Literatura Kazuo Ishiguro. O seu ollar definido e penetrante vestíao de humor, parodia ou retranca, ou todo de vez. Non lle escapou a temas polémicos como o Holocausto, Hitler, Stalin, a crise da sociedade británica, o consumo devastador e os antollos da sociedade contemporánea. Comezou no xornalismo como editor do suplemento literario The Times, The Obsever e The New Statement. Aos 24 anos (1973) debuta con éxito na literatura coa novela "El libro de Rachel". Entre a súa vintena de obras de ficción, ensaio, memorias e autobiografías destacan "Niños muertos", "Dinero", "Campos de Londres", "La flecha del tiempo", "La información", "Lionel Asbo", "Experiencia", "Koba el temible", "La zona de interés" e "Mar gruesa".O seu derradeiro libro foi "Desde dentro", obra que mestura xéneros, rematada logo de case vinte anos de traballo literario. Fonte: wmagazin
Podes visitar a expo bibliográfica adicada a Martin Amis no vestíbulo da Biblioteca Central Rialeda (Perillo).
Títulos de Amis dispoñibles en eBiblio

19/5/23

Obradoiro "Autorretratos inspirados en mulleres" na Biblioteca de Dorneda con Babaluva Teatro

Biblioteca Municipal "Mª José Ruso". Dorneda
Luns 22 de maio ás 17:30 h.
Para nenas e nenos a partir de 6 anos.

Aforo limitado (15 prazas): imprescindible reservar na biblioteca de Dorneda ou chamando ao teléfono 981 626 638
Poderanse inscribir desde 10 días antes da data de realización da actividade.

"Autorretratros inspirados en Mulleres" por Babaluva Teatro
Despois de coñecer mulleres artistas da vangarda como Maruxa Mallo, inspirándose nas fotografías que Ruth Matilda Anderson realizou en Galicia, pintarase un orixinal autorretrato en branco e negro.

Hora do conto: 24 de maio de 2023

Hora do conto: 24 de maio de 2023
- Aforo limitado: chama á biblioteca na que se realiza a actividade e reserva a túa praza. Podes inscribirte desde 10 días antes da data de realización de cada unha das contadas/actividades.

Biblioteca Pública Municipal Rosalía de Castro (Santa Cruz)
Mércores 24 de maio, ás 18:30 Celebramos o Día das Letras Galegas
Para crianzas a partir de 6 anos Aforo completo!!!
ESPECTÁCULO: “Cantares gallegos ao ukelele”
CONTACONTOS: Antón Ke

Recomendacións en Radioleiros: 19 maio 2023

 - Xuvenil (a partir de 12 anos):

A memoria dos paxaros, de Teresa González Costa
Xerais, 2022

Versión dixital en Galiciale

Celeste vai investigar o que hai detrás da aparición dun mozo inconsciente a noite de Samaín.

- Para xoves e persoas adultas:

Epistolario a Fernández del Riego, de Ricardo Carballo Calero
Galaxia, 2006

Cincuenta anos que reflicten a cultura galega nestas cartas de dous intelectuais do século XX.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

Actividades de promoción da lectura: 22 a 25 de maio 2023

Actividades de promoción da lectura: 22 a 25 de maio 2023
Programa de actividades de promoción da lectura que Bibloleiros organiza para os centros de ensino do Concello, de 22 a 25 de maio:

Na Biblioteca Central Rialeda (Perillo)
Luns 22 de maio:
- 10:00 alumnado de 2º de ESO do Colegio Hijas de Cristo Rey (Oleiros).
Visita á biblioteca e "Feirantes" con Ramiro Neira.
Martes 23 de maio:
 - 10:00 alumnado de 4º de EI do Colegio Hijas de Cristo Rey (Oleiros).
"Pipo, o paxaro que non sabía voar" con Trémola Teatro.
Mércores 24 de maio:
- 10:30 alumnado de 5º de EI e 12:15 alumnado de 6º de EI do CEIP Juana de Vega (Nós).
"Contando números, cantando cores" con Pablo Díaz.
Xoves 25 de maio:
- 10:30 alumnado de 5º de EP do CEIP Juana de Vega (Nós).
"Contos de aquí" con Ramiro Neira.