18/3/22

Recomendacións en Radioleiros: 18 marzo 2022

- Infantil (a partir de 10 anos):

Niñas protagonistas, su vida a través del tiempo, textos de Carmen Blázquez e Equipo Susaeta. Ilustracións de Zara Corral.
Susaeta

Un libro protagonizado por trinta e cinco nenas dos cinco continentes e de todas as épocas da historia, desde a prehistoria ata a actualidade. Presenta, dunha forma sinxela, con fotografías e ilustracións, como foi a vida diaria das nenas ao longo do tempo.

En Europa comeza con Gea, unha nena neandertal que acompañaba aos seus pais polos bosques en busca de caza. En América con Anayansi, unha nena azteca que viviu durante a conquista española e que nos fala da difícil convivencia entre os españois e os aztecas. En Asia e en Oceanía con Melek, que naceu nun harén na  corte otomana. E en África con Ekit, no Exipto dos faraóns; e así ata completar as trinta e cinco nenas.

Ao mesmo tempo que nos explica a súa forma de vida, aproveita para presentarnos cada unha das diferentes culturas e os temas destacados delas.

Chega á actualidade, polo que tamén nos atopamos con Greta Thunberg, unha loitadora contra o cambio climático, ou a unha imaxinaria Lika que nos di como poderán vivir as nenas do futuro: hiperconectadas a través de Internet, o mapa do ADN, a conquista de Marte, etc.

Son algúns dos exemplos, que poderemos ler e ver nesta interesante obra, para coñecer a súa forma de vida.

- Para mozas/os e adultas/os:

Virtudes (e misterios), de Xesús Fraga
Galaxia

Premio Nacional de Narrativa 2021. Premio da Crítica de Galicia 2021. Premio Blanco Amor 2019.

O autor proponse contar a emigración desde o punto de vista dos retornados, e narra as vicisitudes da súa familia, servíndonos de modelo para a historia de moitas familias galegas, na segunda metade do século XX.

Relata a vida de Virtudes, a avoa do autor, que tivo que emigrar a Londres para buscar traballo e un futuro mellor para as súas tres fillas, despois de que o seu home marchase para Venezuela e do que non tiña noticias.

Lévanos polas rúas de Londres e o abraio que provoca nel, sendo neno, todo o que ela lle ensina. Vemos a austeridade na que vivía, as interminables xornadas laborais... Como todo o seu sacrificio estaba marcado por unha mentalidade de aforro para asegurar o futuro dos seus. Ela, a diferenza do home, enviaba diñeiro para sacar adiante as fillas e para súa nai, que, na súa ausencia, as coidaba mentres eran nenas.

Cando a súa filla maior (a nai do autor) cumpriu os 18 anos, reclamouna para que fose traballar con ela a Londres. Causoulle un gran desgusto porque tiña a esperanza de estudar a carreira de mestra. Retornou a Galicia no 1966. Estivo uns anos, pero, ao casarse, volveu marchar para Londres, xunto co seu home, onde nacerá o autor.

Ademais das vicisitudes de Virtudes tamén coñeceremos as doutras emigrantes galegas e doutras comunidades de España e algúns dos misterios que envolven todo o referente ao avó do autor.

Unha historia familiar, unha novela íntima que fala da valentía de mulleres que, buscando un futuro mellor, marchan da súa terra a outros países e que nos serve para comprender mellor a emigración galega. Dá toda unha lección de aprendizaxe e confirma, o que acontece moitas veces, como o local e o persoal pode ter gran difusión e converterse en universal.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario