9/10/20

Recomendacións en Radioleiros: 9 outubro 2020

- Infantil (nenas-os a partir de 8 anos): 

"O Lobo de Area", escrito por Åsa Lind. Ilustrado por María Elina. Traducido por Antón Lado. En Kalandraka. 

Åsa Lind recibiu o premio Nils Holgersson, outorgado polas bibliotecas de Suecia, por esta obra. Estamos ante un libro moi ben editado, cunhas fermosas e delicadas ilustracións. Preséntanos a unha nena, Zackarina, que vive cos seus pais nunha casa á beira do mar pero que a veces se aburre e séntese soa. Debido a que os pais están moi ocupados, e para paliar o aburrimento, invéntase un amigo imaxinario, ao que denomina o Lobo de Area. Con el vivirá diferentes aventuras.  

Zackarina quería bañarse no mar, pero non tiña permiso de seu pai, e el tampouco baixaba con ela á praia, unhas veces porque estaba lendo o xornal e outras porque non podía polo traballo. Ante isto decide preguntarlle ao Lobo de Area o motivo polo que seu pai ten que ler o xornal. O lobo responde que é porque está enfeitizado. Que seu pai estea hipnotizado polo xornal non lle gusta nada á nena. Ela non quería un papá atrapado a un periódico para o resto da súa vida...
Este amigo tamén lle axudará a comprender diversas emocións: o enfado, a ira, pero tamén a amizade ou a tenrura.
Unha obra escrita con humor e unha linguaxe moi coidada, que nos fala do amor á lectura e da relación pais e fillos.
 
- Mozas-os e adultas-os:
 
"Otra vida por vivir" de Theodor Kallifatides. Editado por Galaxia Gutenberg.
Versión dixital en eBiblio.
Theodor Kallifatides é un inmigrante grego en Suecia. Vive en Suecia desde 1964. Este libro foi escrito orixinariamente en grego, pero pode dicirse que Kallifatides é un autor que escrebe principalmente en sueco. Preséntanos as súas reflexións sobre literatura, democracia, as linguas, a emigración, a memoria...
Kallifatides ao cumprir 75 anos está bloqueado, non é capaz de escribir. Levaba 50 anos escribindo nun idioma adoptado que xa non lle servía. Vendeu o estudo onde escribiu a maioría das súas novelas. A editorial ofrecíalle adiantos económicos para que escriba, pero el non tiña nada que contar, ata que, en 2015, fai unha viaxe a Grecia e de aí nace esta obra.
Fala dos cambios sociais producidos en Suecia ao longo dos anos. Di que non soporta ver a Suecia como de ser un país de xustiza social e solidariedade, foi enredándose nos tentáculos do comercio, como se privatizou o ensino, a asistencia médica, etc. Fala da liberdade de expresión, sobre as liberdades democráticas, da pobreza, etc. Como Suecia non conseguiu quedar fóra desa deriva economicista provocada pola globalización que significa que o capital internacional pode facer o que queira e onde queira. Sobre Grecia dinos que, ao longo da súa historia, atravesara por moitos momentos críticos, pero nada podía compararse co empobrecemento moral dos últimos tempos, de como era ninguneada, de como a crise económica era visible e a pobreza estaba á vista.
Estamos ante unha memoria persoal, de como este grego ve Suecia e de como ve Grecia e a súa deriva.
Unha obra moi interesante que nos fará reflexionar.
 
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario