13/5/22

Recomendacións en Radioleiros: 13 maio 2022

- Xuvenil (a partir de 10 anos):
"Florencio Delgado Gurriarán: Polos vieiros da saudade" de Héctor Cajaraville. Ilustracións de Antía Antepazo. En Xerais.
Biografía que presenta o escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
No 1º capítulo explica a importancia da súa figura. Un autor que toda a súa obra literaria está centrada no xénero poético, pero que tamén foi articulista en prensa, crítico literario, coordinador editorial, lexicógrafo, tradutor e corrector e que se preocupa porque os/as galegos/as coñecésemos na nosa lingua pezas poéticas doutras literaturas, principalmente da francesa, pero tamén da inglesa.
Preséntao desde o seu nacemento en 1903 en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras). O seu paso pola universidade como estudante de dereito en Valladolid. A súa instalación como avogado no Barco. O ingreso no Seminario de Estudos Galegos e a militancia no Partido Galeguista. No 1936, en que ao estalar a Guerra Civil, fuxe a Portugal, Barcelona e Francia e no 1939 para México, no barco Ipanema, con 998 refuxiados.
En México desenvolveu un intenso labor para manter alí unha actividade política e cultural que en Galicia resultaba imposible. Foi un dos principais intermediarios entre os galegos de México e outras comunidades de galegos espalladas polo mundo (principalmente de Arxentina) e tamén co denominado “exilio interior”, é dicir, con aqueles intelectuais galegos (Otero Pedrayo, Paz Andrade, Fernández del Riego, etc) que permaneceron en Galicia nunha situación de silenciamento e marxinalidade. Participou na posta en marcha de diversos proxectos entre os que debemos destacar a revista Vieiros (1959-1968), que aínda hoxe sorprende pola súa modernidade. Vemos como este é un momento en que a cultura galega se desenvolveu con máis vigor fóra ca dentro das súas fronteiras. Ata chegar ao seu falecemento na casa dunha filla en Fair Oak (California) en 1987.
Cajaraville dinos que este recoñecemento das Letras Galegas tamén o debemos ver como unha homenaxe a aqueles “que lonxe da súa terra se dedicaron a (re)construír a identidade e a singularidade de Galicia como cultura, como pobo e como país”.

- Mozas-os e adultas-os:
"O rosario e a buguina" de Xosé Ricardo Losada. Editado por Galaxia.
Premio Torrente Ballester 2020
Unha obra emotiva, intimista, ben construída, que achega unha triste historia: a relación do poeta Manuel Antonio con súa nai, Dona Pura, cando el xa está gravemente enfermo de tuberculose, e volve para morrer na casa de Asados. A novela está narrada alternativamente desde a visión da nai e desde a do fillo.
Manuel Antonio sempre tivo unha relación difícil coa nai. Ela desexaba que o seu fillo fixese a carreira eclesiástica, pero el, con só 11 anos, rexeitou a proposta. El ansiaba ser poeta.
Ela era unha muller pouco dada a mostrar os afectos. A súa relación estaba baseada nos silencios e na carencia dos afectos. Tiñan dúas concepcións antagónicas do mundo. A ideoloxía conservadora da nai, fronte ás ideas revolucionarias do fillo.
Ambos queríanse pero non se entendían. A nai era unha persoa moi relixiosa, ríxida, que dicía que o único que lle preocupaba era que a entendera Deus.
A nai quere que acepte recibir a extrema unción, ao que el se nega e pídelle a ela que consinta en que lle lea e lle explique o 1º e o derradeiro poema da súa obra “De catro a catro”, estrofa a estrofa. O libro que lle deu sentido a súa vida. Desexa expoñerlle a nai a súa necesidade de ser poeta que é o sentido da súa vida. Daría a vida (unha vida que xa non lle quedaba) porque súa nai o entendese. Sente que non pode morrer sen explicarse. Quere que a nai se sinta orgullosa de el, e ela acepta que lle esclareza dous poemas...
O xurado do XXXII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega destacou que “a obra leva a reflexionar sobre a incomprensión da figura do artista no ámbito familiar”.
Estamos ante unha interesante e profunda historia, que permite coñecer mellor ao magnífico poeta Manuel Antonio, e na que presenta os distintos sentimentos a través de dúas persoas que se enfrontan á morte de maneiras distintas. Súa nai achegábase ao Alén rezando o rosario, Manuel Antonio oíndo o rumor do mar, dun “Mar sen fin” nunha buguina.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario