8/4/22

Hora do conto e actividades infantís: 13 de abril 2022

- Hora do conto para nenas e nenos a partir de 6 anos.
- A sesión será ás 18:30 h.
- Aforo limitado: chama á biblioteca na que se realiza a actividade e reserva a túa praza. Podes inscribirte desde 10 días antes da data de realización de cada unha das contadas.
Mércores 13 de abril
Imprescindible reservar praza, tlf.: 981 626 338
CONTACONTOS: Fran Amil
TÍTULO: “Ti e máis eu somos colegas"

Recomendacións en Radioleiros: 8 abril 2022

- Infantil (a partir de 6 anos):

Diferentes diferenzas, de Silvia Penide con ilustracións de Emilio Urberuaga
Bululú

Sacarlle o máximo partido á amizade sen importar os detalles é o fío deste libro: un elefante de tres patas, un gato con dous narices, un libro sen cuberta... nun canto á diversidade.

- Mozas/os e adultas/os:


Oona y Salinger, de Frédéric Beigbeder
Anagrama

Un relato moi ben construído arredor dunha parella dun tempo pasado, mesturando novela e realidade nun conxunto afortunado. Un libro orixinal e diferente.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.



7/4/22

100 de Saramago

Disque un xornalista lle preguntou unha vez a José Saramago para que servía a literatura. O Premio Nobel contestoulle que a literatura non servía para nada e deu grazas a quen corresponder que neste mundo tan utilitario existise algo que non tivese un fin práctico.
Autor de máis de 40 títulos, José Saramago naceu en 1922 no pobo de Azinhaga. As noites pasadas na biblioteca pública do Palácio Galveias (Lisboa) foron fundamentais para a súa formación. E alí foi, sen axuda nin consello, só guiado pola curiosidade e as ganas de aprender, onde se desenvolveu e afinou o seu gusto pola lectura.
Recoñecido novelista, escritor, xornalista, poeta e dramaturgo, enfocouse no uso de parábolas cheas de imaxinación, de compaixón e ironía. Gañador do Premio Nobel de Literatura en 1998 foi recoñecido a nivel internacional non só pola súa grande obra literaria senon tamén pola súa posición política xa que os grandes problemas do seu/noso tempo foron tamén grandes cuestións na súa literatura. Foi lido, como non, nas tertulias literarias das bibliotecas de Oleiros.
A Biblioteca Central Rialeda (Perillo) ofréceche unha exposición cos seus libros e as adaptacións cinematográficas para conmemorar o centenario do seu nacemento

AVISO: cambio na Hora do Conto do xoves 7 de abril en Lorbé

Por causas alleas á nosa vontade, substitúese a actividade programada para a Biblioteca Pública Xograr Mendiño (Lorbé) "Irene nos Andes" a cargo da Solidariedade Internacional de Galicia pola actividade "Érase unha vez" coa participación de Trémola Teatro.

Pregamos desculpen as molestias

5/4/22

Presentación de “Cuando nada vale nada" de Pedro Santiago

No Teatro As Torres (Santa Cruz), o xoves 7 de abril, ás 20:00, terá lugar a presentación do libro “Cuando nada vale nada” de Pedro Santiago.
Na presentación intervirán o autor e Reyes Caparrós, animadora cultural do Concello de Oleiros. Contaremos co acompañamento musical da vocalista Nunzia Giannota e Rodri Bermúdez á guitarra acústica.

"Cuando nada vale nada" preséntanos como unha serie de infortunios afectarán á vida dun home ata o punto en que pode pensar que non hai retorno.
A investigación pola morte do doutor Méndez será o epicentro desta trepidante historia, na que a incerteza, o suspense e os xiros inesperados se manteñen ata o final...

Pedro Santiago cursou estudos superiores de deseño e amoblamento, oficio que exerceu durante máis dunha década. Na actualidade traballa no Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento de Oleiros. A súa vida sempre estivo vinculada ás letras debido á súa paixón pola lectura, que xunto coa música, son as súas maiores afeccións.

En atención ás indicacións e medidas de seguridade fronte ao COVID-19, será obrigatorio asistir con máscara, así como atender ás indicacións e normas da organización.
Desde as bibliotecas municipais invítase ás persoas que desexen asistir, ata completar o aforo permitido, para que gocen coa palabra e coa música.