5/1/12

Díaz Pardo: Compromiso e Lealtade

Dende este pequeno espazo, as bibliotecas de Oleiros queremos homenaxear a figura de Isaac Díaz Pardo (1920-2012)

Fillo do pintor Camilo Díaz Baliño, foi deseñador, ceramista, editor e empresario. Nacéu en Santiago e hoxendía considérase un dos referentes indiscutibles da nosa cultura. Destacados galeguistas como Castelao, Cabanillas, Risco e outros foron os referentes da súa formación intelectual. No ano 1936 colaborou dun xeito comprometido na campaña a favor do Estatuto de Autonomía.

Tra-lo seu paso por Arxentina, onde vivíu exiliado, acomete unha das grandes renovacións do arte galego, fundando xunto a Luis Seoane o Laboratorio de Formas, posteriormente chamado Grupo Sargadelos, e no que se incluiría Edicións do Castro.

O seu legado bibliográfico, documental, epistolar e gráfico, máis de 16.000 volúmenes, será conservado na Cidade da Cultura.

Recibíu ao longo da súa vida destacados recoñecementos como a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes de España, Doctor Honoris causa pola USC e a Medalla de Ouro e Fillo Predilecto de Compostela.

2/1/12

Guía de lectura "Palabras para compartir" (Nadal 2011)

Presentamos a guía de lectura de Nadal "Palabras para compartir" . Está formada por unha selección de creacións de autoras e autores galegos, españois e internacionais, para distintos gustos, intereses, preferencias e idades. Boas historias e bos libros para ler, observar ou mirar, películas ou discos para gozar e compartir.
Desde as Bibliotecas Municipais ofrecemos esta guía de lectura cun dobre obxectivo: presentar obras de calidade literaria, artística ou científica para animar a súa lectura, audición ou visionado e lembrar que un libro, un cd, ou un dvd son tamén un bo agasallo.

Recomendacións en Radioleiros: 30 de decembro

- Infantil: "Trece noites, trece lúas: libro das marabillas do Nadal" texto de Antonio Reigosa e ilustracións de Noemí López, en Xerais.
Interesante obra, dividida en dez capítulos, que nos explica o por que de diversos mitos, ritos, lendas e tradicións do Nadal.
- Mozos/as e adultos/as:"1Q84" de Haruki Murakami, en galego están publicados os 3 volumes en Galaxia. En castelán están editados por Tusquets.
En xaponés, a letra q e o número 9 pronúncianse igual, de forma que 1Q84 lese igual que 1984.
É unha historia coral, con varios personaxes que se entrecruzan. Aomame, unha moza independente, que traballa nun ximnasio e que leva unha vida aparentemente normal, pero en realidade é unha asasina. Tengo, un profesor de matemáticas, que aspira a ser escritor. As historias de Aomame e Tengo vanse alternando simetricamente, ao tempo que nos presenta a sociedade xaponesa, as seitas relixiosas, os malos tratos e a corrupción.
1Q84 é a obra máis ambiciosa de Murakami na que reflicte a soidade e as ansias de amor. Unha novela dura e poderosa que engancha aos lectores e lectoras.

Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.